segunda-feira, 18 de fevereiro de 2008

A arroutada de Franco Grande

Grave escándalo causou certo artigo de Xosé Luís Franco Grande, publicado en La Voz de Galicia o día 16 de decembro de 2007. O texto atópase facilmente en
http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2007/12/16/0003_6407994.htm

Sendo moi breve o escrito, aquilo que maior tumulto suscitou, na súa agresividade, está no primeiro parágrafo: «o que se escribe en galego acostuma ser, non só de moi pouca calidade, senón un timo á cultura, á intelixencia e ao bo gusto. Penso que nos últimos corenta anos a creación en lingua galega se foi degradando [...] por moitas razóns, entre elas as mentiras que proveñen do mercado editorial, a ausencia dunha crítica merecente deste nome e unha xeneralizada banalización intelectual.»

Son xuízos gratuítos, aventurados, insensatos, provocativos ...provocadores? Unha arroutada. Escándalo houbo, si, mais tampouco chegou tan lonxe como merecería. Seguín mal a polémica, mais até onde a miña información alcanza, que non é moi lonxe, a reacción non se me fixo todo o intensa e virulenta que cabía agardar. Faláronme dun comentario crítico por parte de Xosé Miranda. A Manuel Rivas e a Suso de Toro linlles cadanseu artigo vigoroso, enérxico, ofendido, con ataques persoais ao antepretérito labor creativo de Franco Grande, reaccións onde non exhibirían excesiva vontade de estilo, mais ás que tiñan todo o dereito, xa que por persoalmente agredidos se daban. Tamén ao poeta-editor Fernám Velho lle lin unha pequena serie en clave oposta á dos sobreditos, é dicir, despregando unha ironía tan suave, tan fina, que aos ollos de algunhas e algúns dáballe a razón, mesmo se estaba a dicir o contrario.

E máis non souben. Culpa miña, de fixo, que non puido ser tan moderada a reacción perante imputacións tan corrosivas como timo á cultura, mal gusto e sobre todo, a máis directa acometida contra editores e críticos: a carencia dunha crítica digna debida, entre outras causas, ás mentiras editoriais. Unha agresión frontal contra todo iso que se vén chamando o SLG: contra o elenco íntegro dos seus compoñentes en pleno.

Non todo foi oposición a Franco Grande: houbo quen ben se aferrollou de contado aos seus comentarios, tan veloz como quen coñecese o artigo antes de publicarse, e foi ese grande admirador e defensor da lingua galega, case tanto como de Karina Falagan, J.L. Alvite. Tanto se lle aferrollou que pariu cinco desinteresados, xenerosos artigos para acadar, xa na primeira entrega, unha conclusión nada preconcibida: os estudantes non entenden a Rosalía porque o galego literario muda a cada curso académico, e por esa razón válelles máis estudar inglés...

Unha arroutada do Franco Grande...? Puido ser. Co propósito, aproveitado por Alvite, de danar a nosa literatura? Dificilmente podo crelo. Con todo, nunha posterior entrevista non abxurou da idea. Está Franco Grande desenganado da Literatura Galega, que case é dicir de Galiza, ou só quería dar un toque de atención, erguer a cordial denuncia que actuase como revulsivo?

Non sei se foi Manolo Rivas ou Suso de Toro ou ambos os dous quen se arrepuxo contra Franco Grande, como enriba xa escribín, esgrimindo que, se denuncia os últimos corenta anos de degradación, é porque o período coincide con exactitude coa súa última publicación, que aconteceu en 1967...

Sería todo unha arroutada de Xosé Luís, tan obvia e pedestre, por personalista e interesada? Pois eu penso que non. Non falarei da poesía dos Celso Emilio, Díaz Castro, Álvarez Blázquez e Cunqueiro, mais é o caso que, hai catro ou cinco decenios, a narrativa galega viu un período de esplendor tan grande que non lle albisco eu equivalencia con ningún outro anterior nin posterior, nin... futuro? Mentres cambaleaba entre os noxentos e tramposos castradores da censura franquista, durante dez anos non só abrollou o máis variado, amplísimo abano de temas complexos, completos, nitidamente diverxentes entre si, mesmo contrapostos, senón que todas as novelas e libros de relatos que aquela década conseguiu parir foron dunha calidade elevadísima, non obstante o pequeno detalle de que o seu número, segundo creo, non pasou de quince. Ou dezaseis. Con dez asinantes.

Non só voou tan alto que acadou unha marca de difícil equiparación para calquera literatura do mundo, europea ou de alén-mar, minorizada a súa lingua ou normal. Nada ficou a deber á súa contemporánea española. Non penso que poidan ofenderse aqueles que, seguramente con xustiza, en Franco Grande se deron por aludidos, mais a marca tamén a xulgo moi difícil de superar polo actual Sistema Literario Galego. Que aqueles vellos –varios felizmente vivos e creativos, hoxe e por moitos anos— deixaron alta de máis a cota.

O decenio de ouro:
de 1951 a 1961. Por moito que queiramos cuestionar hoxe a Nova Narrativa, despois de 1961 tamén. Mais o camiño xa o deixaran sinalado.

Non sería niso no que Franco Grande pensaba...?

domingo, 17 de fevereiro de 2008

Unha cantiga descoñecida


O texto que segue chégame da Idade Media, século XIII. Non é inédito, que xa foi publicado: iso si, hai moito tempo. E mais, con todo, xuraría que non aparece en ningunha listaxe das Cantigas de Santa María, o que talvez se deba a que se lle atribúe autor, autor que non é Afonso X.

O problema con esta cantiga, até onde eu chego, é que tampouco figura en ningunha antoloxía nin sistematización da nosa poesía medieval, das moitas que circulan hoxe por Galiza, Portugal e o Brasil.

Gustaría que alguén desmentise a miña última afirmación.

Velaí a cantiga.


Cantiga de loor a Santa María

I
Virgen madre gloriosa
do Rei ca todos mantén
mansa, saje, piadosa
a ti servir don nos en
danos parte en no teu ben
noble, rica, poderosa
segur' é quen a ti ven
de Deus madre, filla, esposa
que sin ti el non val ren

II
Dereito has de nos mantẽer
ca para nos es tu tal
si Deus quis teu fillo seer
cousa tan descomunal
por nos fui, e non por al
que leixemos d'el creer
a nos fezemos gran mal
ja tu ben nos podes veer
fortes, si tu ben nos sal

III
Viu Deusla nosa coita
por en quis de ti naçer
diu en ti graça tan moita
en ti por nos ben fazer
Virgen do bon pareçer!
faz nos comm' as sempre doita
non nos leixees pereçer
aa nosa maior coita
faz noslo çeo veer

IV
Teu podere nos veemos
quen podes a Deus rogar
da gran coita que sofremos
podes gran virtud mostrar
Virgen do bon semellar!
quanto nos menos valemos,
tan nos deves mais amar
. . . . . . . . . . . . . . . .
. . . . . . . . . . . . . . . .

V
Falid' é quen por al fia
nin outro a por Señor
si non a ti Virgin Maria
mais bela de nula fror
dona das outras mellor!
a ti loar noite e dia
e deanos seu sabor
e gran maña . . . . . . . .

. . . . . . . . . . . . . . . .