segunda-feira, 21 de janeiro de 2008

sábado, 19 de janeiro de 2008

Deportivamente himno


Aparentemente resolto o lance da letra para o Himno Español ou Marcha Real, a destempo, como sempre, desexo acrecentar eu a miña pequena aportación deportiva --vale máis competir que...-- con esta pequena proposta que, máis ou menos, pode entoarse tamén en galego:

Hinchas, hinchas,
cantad en los estadios el himno español
que empieza a resurgir.
Con Mariano

Zaplana y mengano...

Ghichos, ghichas
cantade nos estadios o himno español
que quere rexurdir
Co Mariano
fulano, mengano...

Ben, o último é só a alternativa oportunista ante un dos varios posíbeis resultados electorais futuros. Non, e o outro tamén.

Non continuará.

Independentistas


Mariano Rajoy, líder máximo (aparentemente) do Partido Popular, díxoo o outro día nun acto público, con cámaras e testemuñas,
--Eu son independente. O que vos podo garantir é que eu son independente.

Non suficientemente convencido do que estaba a proferir, acrecentou:
--O Partido Popular é independente, e só está ao servizo de Hespaña.

Incríbel, e así a todo certo. Eu é que me esmendrellaba. Igualiño que quen se puxese a declarar,
--Eu garántovos que a auga está seca. Aínda diría máis: que os océanos non conteñen nada, pero nadiña de humidade.
--Non, ho; nin de sal.

Dáme a min que declaracións tan precisas, sinceras, meditadas, inconmovíbeis e incontrovertíbeis nos veñen da máis absoluta falta de fe na democracia --partitocracia lle chamabades antes, lembras, Mariano?--, da máis radical falta da súa práctica, da máis completa ignorancia dos seus conceptos básicos e da máis total incomunicación cos partidos afíns dos países de su entorno, de xeito tal que, mergullados nas máis simplista percepción deses conceptos e regras, dependentes e sectarios somos sempre os outros, igual que sectario --palabra da que abusan a eito como consigna de campaña orquestrada-- é para eles sinónimo exacto de esquerdeiro ou rojo.

Como sempre nestas augas, coa igrexa petamos: a palliña no ollo alleo e nunca a trabe no propio.

Conque independente, ti, eh, Marianiño?