quarta-feira, 17 de fevereiro de 2010

Sistema Literario Galego e olá!


Teresa Moure dixo unha vez na revista Tempos Novos que non cría «en ningún sistema literario. As persoas escriben soas, cada unha na súa casa, ao seu aire, coas súas influencias...» [...] «persoas que cren cousas completamente distintas. Como podemos definir iso como un sistema? ». [...] «expresión creada polos profesores de Teoría da Literatura e polos críticos literarios para perpetuarse a si mesmos e dicir que tamén forman parte do modelo. Un sistema por definición é un conxunto onde os elementos teñen relacións entre si. Se non, non hai sistema. E por mínimamente marxista que sexas necesitas esas relacións. Pero que relación gardan os elementos desa cousa chamada sistema literario galego?»

No seu blog Nubosidade variábel (http://nubosidadevariabel.blogspot.com/2007/08/o-sistema-de-teresa-moure.html), Anxos García Fonte, xa hai máis de dous anos, comentaba perplexa esas declaracións de Teresa, que non entendía. A mesma blogueira intervén intrépida entre os comentarios ao propio blog para explicarnos (resumo):

«Unha persoa escribe un produto literario (chamémoslle arte) que se achegue ao que os receptores agardan e rache máis ou menos coa tradición (carga que todos levamos ao lombo). Ese produto artístico-literario comercialízase, recibe (ou non) apoio económico dunha institución en forma de premio ou de adianto para a súa creación. Ese produto, tamén produto comercial, é obxecto de campañas publicitarias que animen uns lectores a mercalo, e mesmo decídese lanzalo cara a mercados máis extensos. Eu recibo información desde os diarios, revistas especializadas, dos poucos espazos adicados á literatura na radio e TV. Teresa Moure xa case é unha coñecida da familia. Leo as súas entrevistas, comento as súas tomas de posición verbo do espazo literario dun xeito que anime á discusión.

Isto é campo literario/sistema literario, non lle deas máis voltas.»


Con seguridade non hai o menor cinismo, nin moito menos ironía, na inclusión do marketing no noso sistema literario. Confío en ser fiel á explicación cando desprendo que sistema literario galego serán tamén o dependente de libraría e o seu contábel, a furgoneta do distribuidor, até aí ben, mais sistema literario galego tamén son La Correa Gayega, La Hez de Galicia, El retroceso de Lugo e outros da mesma... E a telegaita. Coas súas inclusións e exclusións. Dá para pensar.

E non esquezamos que parte fulcral do mercado editorial galego son os libros de lectura obrigatoria no sistema educativo, é dicir, os profesores que libremente os deciden e os alumnos que á forza teñen que gozar deles: sen dúbida, para moitos libros-produto a fonte de lectores máis numerosa.
(Tocante á forghoneta do distribuidor, co Alberte N'Feijão agardo que sexa unha Citroën, que hai un ano que gañou el un referendo sobre iso, e sobre a liberdade de escolla do galego, e para impoñer outra lingua estranxeira, e sobre quen non debe pór ventiladores eólicos...)

De igual xeito, un sistema xudicial integral ha de incluír as policías varias, pero, e os seguratas privados? Os porteiros de discoteca? As mafias varias, cando menos no seu modo protección e no modo axuste de contas...?
Mais eu non estou con Teresa Moure para negar a existencia do tal sistema literario galego, nin estou segura de que ela dixese iso. O que eu lle leo é que non cre nel, non que crea que non exista: non cre, isto é, que non lle confire valor ningún... Tamén dá moito para pensar esta concreción do pensamento da Teresa: expresión creada polos profesores de Teoría da Literatura e polos críticos literarios... Non sei eu se os críticos serán para tanto, agora que xa nin sequera son cítricos. Que tal, Teresa, se os substituíres por directores literarios das editoriais? Bo, ao cabo, Villalaíns dentro, Villalaíns fóra, ten iso algo de mafia...?

Non, non teño a menor intención de negar a existencia do tal sistema literario. Simplemente, algo máis me deu que pensar, fixen algunhas preguntas e hai un par de anos púxeno por escrito. Dedícollo a Teresa Moure, e velaí vai:



a miña derradeira visita veneciana ao ciber-café antes de que fosen pechar, para preguntar a Ese Que o SAbe Case Todo por "sistema literario galego" e tamén por "sistema literario".
O primeiro resultado foi sorprendente, de xeito que insistín conmutando entre varios idiomas. Velaquí os inventarios que o buscador Eqsact me subministrou:
* "sistema literario" (sen especificar idioma): 11600 respostas; delas, a preguntar con maior concreción: sistema literario galego 2210 (!!)
sistema literario español 172 (!!!)
sistema literário brasileiro 51
sistema literário português 2
* a preguntar por "sistema literario" traducido a outras linguas:
sistema literari 357
literary system 265 (*)
sistema letterario 169 (*)
système litteraire 25 (*)
(*) frecuentemente procedentes de páxinas en español ou localizadas no estado español

Deprendín que o concepto non é galego nin español, que o inventaron os formalistas rusos Tïñánov e Iákobson, que arredor do histórico 1975 tamén se instalou nel o António Cândido no Brasil. Mais non me pareceu que callara noutros sistemas lingüísticos, de xulgar o resultado desta miña profunda aínda que acelerada investigación.

2007, de As doce marabillas do mundo



A conclusión, é obvia? Claro que si: a presenza da lingua galega na rede é esmagadoramente maioritaria.

Repetición da consulta a google o 14 de febreiro de 2010
* "sistema literario" (sen especificar idioma): 115.000 respostas; delas, a preguntar con maior concreción:
sistema literario galego 1.600.000
(un imposíbel paradoxo combinatorio, pois "sistema literario" forzosamente ten que conter o número de chamadas de "sistema literario galego", con modificador, sendo maior ou igual ca el; mais o paradoxo, aínda que imposíbel, está probado!! As mesmas cifras forneceu varias veces máis en días sucesivos, sempre a demandar a busca para calquera parte do mundo e en calquera lingua)
sistema literario español 17000 (!!!)
sistema literário brasileiro 8920
sistema literário português 156
* a preguntar por "sistema literario" traducido a outras linguas:
sistema literari 8110
literary system 48000
sistema letterario 25500
système litteraire 8920
Comparadas coas de 2007, nas consultas en inglés, italiano e francés xa non abondan as chamadas a páxinas en español ou do estado español

(outro día igual pregunto por campo literario/champ/field...)

Só dous anos ou dous e medio e as cifras multiplicáronse... é claro que a internet se expande en progresión xeométrica. Mais non, non – a conclusión é outra: somos unha potencia mundial en sistema literario. Probabelmente a única superpotencia da Galaxia.

Parabens!

terça-feira, 14 de julho de 2009

Locus Amoenus


Acabo de atopar un crecido, fermoso volume que non compro, chamado Locus Amoenus e dedicado á poesía medieval da Península Ibérica. Ignoro se se debe ao magro da poesía medieval en castelán ou máis ben a unha sincera necesidade de manifestar un obvio multilingüismo en tempos pasados que moitos monolingües consideran hoxe unha incómoda rémora.

O caso é que o Locus Amoenus contén poesía medieval en árabe, hebreo, latín, mozárabe, provenzal, galego-portugués, castelán e catalán, con tradución ao español desde todas as linguas diferentes del. O notorio é que para moitos autores aparece unha leve nota biográfica, e se na tradución está en español, no orixinal procurou redactarse na versión moderna da lingua orixinaria, o que sen dúbida constitúe un avance neste xénero de antoloxías españolas feitas por e para hispano-falantes...

Salvo que o libro en cuestión volve conter más de lo mismo. Si, porque a sección de poemas en español, subsección cancioneiros, comeza con estes tres:
* Mayor Arias, autora de Ay mar brava, esquiva
* Rui González de Clavijo, madrileño, autor de Pois me vou sen falimento, baixo o rótulo Dezir deste mensaxeiro
* Macías, o Namorado, con Cativo da miña tristura.

Velaí a visión fagocitante que da lingua castelá teñen os dignos compiladores. Como xa dixen, máis do mesmo. acrecentado polas atribucións dos dous primeiros poemas, que non son culpa deles, senón as habituais, mais teño quen as negue.

Pois os dicires Ay mar brava, esquiva e mais Pois me vou sen falimento (Dezir deste mensaxeiro) forman dúas das cinco partes de certo documento hispánico que hai na Biblioteca Nacional de París e que inicialmente catalogou un hispanista francés chamado Morel-Fatio (non moi distinto apelido do Lilas Pastia que insire a Carmen de Merimée/Bizet como de evidente resonancia española!). Seica foi el quen primeiro lles atribuíu esas autorías: para nada concorda con esas atribucións un meu caro amigo que asegura que estudou o tema.

Non é imposíbel que con ser madrileño, o cabaleiro Rui González de Clavijo trobase en galego imperfecto, que nel está o dicir Pois me vou sen falimento, mentres que a súa muller Mayor Arias pasa por ser autora do dicir Ay mar brava, esquiva, que en principio está en castelán con interpolacións en galego, mais que só cando se pasa a galego consegue algunha das súas medidas ou rimas.
http://atalaya.revues.org/index116.html

O caso é que o tal Clavijo dirixiu a segunda embaixada do rei Henrique III o doente a Tamerlán o conquistador, por 1402-1405 –cito aproximadamente—, atopando o tal tártaro en Samarcanda a punto de morrer. Así di o poema Dezir deste mensaxeiro, no que parece a despedida do embaixador. Só que o outro ten outro rótulo que conta Dezir de otro mensagero que el dicho Rey don Enrrique enbio otra vez al dicho Taborlan. Porque cabo do Tamerlán houbo dúas embaixadas, a de Clavijo foi a segunda, e o xefe da primeira, que debeu ser de 1401 ao 3 ou cousa tal, ese era galego, un rapaz novo, chamábase Pai Gómez de Soutomaior e non se lle coñece obra poética outra ningunha –a Clavijo tampouco—, mais era neto ou bisneto do almirante poeta Paio Gómez Chariño, de quen herdou o primeiro alcume que non apelido, o Pai Gómez, segundo o meu anónimo informante, que me suxire, ademais, que o apelido verdadeiro non se lería Chariño senón Cariño, igual que escribían barcho e lían barco...

Ademais aduce o meu mesmo informador que o tal Pai Gómez de Soutomaior morreu en 1454 e deixou un testamento moito máis poético do habitual no seu tempo e clase social.

De xeito que, para el, dentro da chamada escola galego-castelá ou decadencia final da lírica galego-portuguesa sobra o tal Clavijo e falta o seu Paio Gómez de Soutomaior, que debería ser o verdadeiro mensaxeiro do Pois me vou sen falimento. Non é pouco de importar que houbese un mensaxeiro e para o poema suposto da Mayor Arias fose outro mensaxeiro!

Sempre segundo o meu anónimo comunicante, a alegre, gratuíta atribución do dezir a Clavijo veuse mecánica, arbitrariamente aceptando por todo xénero de estudosos da nosa lírica medieval final, sen o menor espírito crítico, galegos incluídos.

Locus Amoenus, edición de Carlos Alvar e Jenaro Talens, Galaxia Gutenberg/Círculo de Lectores, 2009

domingo, 29 de março de 2009

Cara un integral das Cantigas



Hai quince anos, alguén acometeu o primeiro intento de gravar todas as Cantigas de Santa María con cadansúa música medieval, un traballo titánico que se vai demorando no tempo, mais non cesa.

Falo dunha persoa, un grupo musical con instrumentos medievais e unha firma gravadora propia, isto é, Eduardo Paniagua, o grupo Música antigua e o seu selo Pneuma. Talvez as súas versións non sexan das máis espontáneas nin espectaculares –as interpretacións das Cantigas son hoxe unha pléiade— mais, cando menos, teñen un carácter menos arabizante do que cabería agardar, xa que a outra especialidade de Música antigua é a música andalusí.

Desde 1994 levan gravados 24 CD –tres deles realmente álbums dobres— exclusivamente consagrados ás CSM. Non inclúo na suma outros que son refritos daqueles, mais gústame acrecentar aos 24 outros dous en que Eduardo Paniagua constaba como intérprete do grupo Atrium Musicae, dirixido por outro Paniagua, Gragorio, parente del.

Velaquí a súa relación:

grupo Atrium Musicae:
LP en 1968/ CD no 90: Colección de Música Antigua Española/1
LP en 1978/ CD no 96: Cantigas de Hita

grupo Música antigua:
1994: Cantigas de Toledo
1995: Cantigas de Castela e León / Remedios Curativos
1996: Vida de María (CD duplo)
1998: Cabaleiros / Cantigas de Sevilla (CD duplo) / Cantigas de Xerez / Cantigas de Italia / Cantigas de Francia
2000: Cantigas de Castela-A Mancha / Cantigas de Santa María del Puerto-1 / Cantigas da Virxe de Atocha (Cantigas de Madrid)
2001: Bestiario (Cantigas de Animais)
2002: Cantigas de Frauta e tambor / Cantigas de Extremadura
2004: O Camiño de Santiago nas CSM
2005: Cantigas de Viola de Roda
2006: Cantigas de Merlín e outras Cantigas Celtas (Cantigas de Bretaña)
2007: Cantigas de Valencia / Cantigas de Bizancio (CD duplo)
2008: Cantigas de Inglaterra / Cantigas de Catalunya (Abadía de Montserrat)
2009 (xaneiro): Cantigas de Alemaña / Cantigas de Burgos

Até hoxe paréceme que entre todos os CD que acabo de relacionar chegarían ao 60 por cento –tres quintos—do corpus integral das Cantigas marianas.

Agardo con impaciencia a que o proxecto vaia achegándose ao seu coroamento. Mentres o agardo, escoito cantigas con moita frecuencia: son a miña porta aberta a un mundo desaparecido. Con certeza, un mundo moi diferente do noso. Mais non en canto á lingua.

sábado, 28 de fevereiro de 2009

As marabillas das Cantigas

As Cantigas de Santa María, os seus catro códices --para min verdadeiramente tres, mais un deses en dúas partes--, son unha marabilla descritiva da civilización do século XIII: sen dúbida, a súa mellor enciclopedia.

Catrocentas vinte (420) composicións. E segundo o meu cálculo 414, catrocentas catorce delas, con melodía desde o seu tempo.

Hai alguén que pretende gravarnos o integral desas músicas medievais.

Veremos.

domingo, 18 de janeiro de 2009

O escritor proletario, Manoel Riveiro Loureiro

Acaba de marchar Manoel Riveiro Loureiro do noso mundo. Iría a outro mellor.

Sen a menor das dúbidas, o Manoel Riveiro Loureiro era o máis proletario dos escritores galegos. Calquera que sexa o sentido que lle queira dar á palabra proletario ese dignísimo e moi roxo mundo dos creadores literarios galegos. Moi dignos funcionarios e profesores. De instituto e de universidade.

Manoel Riveiro foi sempre o noso escritor proletario. E sempre será.

Traballador. Moita obra. Sempre a pensar nos mesmos. Sempre o mesmos. Inzada obra sempre nesa óptica. Talvez incorrecta, se cadra pouco conveniente, non sempre elegante nin coa estética prevista. Extensa obra, intensa, frecuentemente boa, sistematicamente sincera.

O noso proleta, sen discusión. Sen estudos, sen padriños, sen nunca procurar un mecenas. O autodidacta. O pro-soviético. Xa que logo, o frustrado. Púxoo o director de Xerais, "a cordialidade e lealtade que mantivo comigo, a pesar de que nunca lle publiquei ningunha obra. Un home dunha peza."

Manoel, querido amigo. No virar da Historia, cantamos xuntos. Contigo canto.

sexta-feira, 13 de junho de 2008

As Cantigas de Santa María

As cantigas son un dos monumentos clave da Europa medieval, e sono en moitos aspectos. Moito antes dos nosos días dan forma a un espectáculo multimedia, en especial desde o códice chamado rico, repartido hoxe entre El Escorial e Florencia, que mestura en perfecta harmonía poesía, música e imaxe.

Se as cantigas comezaron sendo cen, padeceron ao poco dúas sorprendentes expansións que as duplicaron sucesivamente, até sobrepasaren as catrocentas. O rei Afonso seguramente quixo valerse delas como un factor máis entre varios destinados a acadar o seu supremo obxectivo de alta política: converterse en emperador de occidente, que era dicir dos alemáns e de Roma, o Sacro Imperio Romano-Xermánico oposto a Constantinopla. Por iso debeu querer constar como único autor persoal das cantigas. Hai bastantes motivos para pensar que da súa man só saiu algunha decena, e o resto viñeron dun equipo de trobadores recoñecidos, aínda que se cadra non moi numerosos.

segunda-feira, 18 de fevereiro de 2008

A arroutada de Franco Grande

Grave escándalo causou certo artigo de Xosé Luís Franco Grande, publicado en La Voz de Galicia o día 16 de decembro de 2007. O texto atópase facilmente en
http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2007/12/16/0003_6407994.htm

Sendo moi breve o escrito, aquilo que maior tumulto suscitou, na súa agresividade, está no primeiro parágrafo: «o que se escribe en galego acostuma ser, non só de moi pouca calidade, senón un timo á cultura, á intelixencia e ao bo gusto. Penso que nos últimos corenta anos a creación en lingua galega se foi degradando [...] por moitas razóns, entre elas as mentiras que proveñen do mercado editorial, a ausencia dunha crítica merecente deste nome e unha xeneralizada banalización intelectual.»

Son xuízos gratuítos, aventurados, insensatos, provocativos ...provocadores? Unha arroutada. Escándalo houbo, si, mais tampouco chegou tan lonxe como merecería. Seguín mal a polémica, mais até onde a miña información alcanza, que non é moi lonxe, a reacción non se me fixo todo o intensa e virulenta que cabía agardar. Faláronme dun comentario crítico por parte de Xosé Miranda. A Manuel Rivas e a Suso de Toro linlles cadanseu artigo vigoroso, enérxico, ofendido, con ataques persoais ao antepretérito labor creativo de Franco Grande, reaccións onde non exhibirían excesiva vontade de estilo, mais ás que tiñan todo o dereito, xa que por persoalmente agredidos se daban. Tamén ao poeta-editor Fernám Velho lle lin unha pequena serie en clave oposta á dos sobreditos, é dicir, despregando unha ironía tan suave, tan fina, que aos ollos de algunhas e algúns dáballe a razón, mesmo se estaba a dicir o contrario.

E máis non souben. Culpa miña, de fixo, que non puido ser tan moderada a reacción perante imputacións tan corrosivas como timo á cultura, mal gusto e sobre todo, a máis directa acometida contra editores e críticos: a carencia dunha crítica digna debida, entre outras causas, ás mentiras editoriais. Unha agresión frontal contra todo iso que se vén chamando o SLG: contra o elenco íntegro dos seus compoñentes en pleno.

Non todo foi oposición a Franco Grande: houbo quen ben se aferrollou de contado aos seus comentarios, tan veloz como quen coñecese o artigo antes de publicarse, e foi ese grande admirador e defensor da lingua galega, case tanto como de Karina Falagan, J.L. Alvite. Tanto se lle aferrollou que pariu cinco desinteresados, xenerosos artigos para acadar, xa na primeira entrega, unha conclusión nada preconcibida: os estudantes non entenden a Rosalía porque o galego literario muda a cada curso académico, e por esa razón válelles máis estudar inglés...

Unha arroutada do Franco Grande...? Puido ser. Co propósito, aproveitado por Alvite, de danar a nosa literatura? Dificilmente podo crelo. Con todo, nunha posterior entrevista non abxurou da idea. Está Franco Grande desenganado da Literatura Galega, que case é dicir de Galiza, ou só quería dar un toque de atención, erguer a cordial denuncia que actuase como revulsivo?

Non sei se foi Manolo Rivas ou Suso de Toro ou ambos os dous quen se arrepuxo contra Franco Grande, como enriba xa escribín, esgrimindo que, se denuncia os últimos corenta anos de degradación, é porque o período coincide con exactitude coa súa última publicación, que aconteceu en 1967...

Sería todo unha arroutada de Xosé Luís, tan obvia e pedestre, por personalista e interesada? Pois eu penso que non. Non falarei da poesía dos Celso Emilio, Díaz Castro, Álvarez Blázquez e Cunqueiro, mais é o caso que, hai catro ou cinco decenios, a narrativa galega viu un período de esplendor tan grande que non lle albisco eu equivalencia con ningún outro anterior nin posterior, nin... futuro? Mentres cambaleaba entre os noxentos e tramposos castradores da censura franquista, durante dez anos non só abrollou o máis variado, amplísimo abano de temas complexos, completos, nitidamente diverxentes entre si, mesmo contrapostos, senón que todas as novelas e libros de relatos que aquela década conseguiu parir foron dunha calidade elevadísima, non obstante o pequeno detalle de que o seu número, segundo creo, non pasou de quince. Ou dezaseis. Con dez asinantes.

Non só voou tan alto que acadou unha marca de difícil equiparación para calquera literatura do mundo, europea ou de alén-mar, minorizada a súa lingua ou normal. Nada ficou a deber á súa contemporánea española. Non penso que poidan ofenderse aqueles que, seguramente con xustiza, en Franco Grande se deron por aludidos, mais a marca tamén a xulgo moi difícil de superar polo actual Sistema Literario Galego. Que aqueles vellos –varios felizmente vivos e creativos, hoxe e por moitos anos— deixaron alta de máis a cota.

O decenio de ouro:
de 1951 a 1961. Por moito que queiramos cuestionar hoxe a Nova Narrativa, despois de 1961 tamén. Mais o camiño xa o deixaran sinalado.

Non sería niso no que Franco Grande pensaba...?