terça-feira, 14 de julho de 2009

Locus Amoenus


Acabo de atopar un crecido, fermoso volume que non compro, chamado Locus Amoenus e dedicado á poesía medieval da Península Ibérica. Ignoro se se debe ao magro da poesía medieval en castelán ou máis ben a unha sincera necesidade de manifestar un obvio multilingüismo en tempos pasados que moitos monolingües consideran hoxe unha incómoda rémora.

O caso é que o Locus Amoenus contén poesía medieval en árabe, hebreo, latín, mozárabe, provenzal, galego-portugués, castelán e catalán, con tradución ao español desde todas as linguas diferentes del. O notorio é que para moitos autores aparece unha leve nota biográfica, e se na tradución está en español, no orixinal procurou redactarse na versión moderna da lingua orixinaria, o que sen dúbida constitúe un avance neste xénero de antoloxías españolas feitas por e para hispano-falantes...

Salvo que o libro en cuestión volve conter más de lo mismo. Si, porque a sección de poemas en español, subsección cancioneiros, comeza con estes tres:
* Mayor Arias, autora de Ay mar brava, esquiva
* Rui González de Clavijo, madrileño, autor de Pois me vou sen falimento, baixo o rótulo Dezir deste mensaxeiro
* Macías, o Namorado, con Cativo da miña tristura.

Velaí a visión fagocitante que da lingua castelá teñen os dignos compiladores. Como xa dixen, máis do mesmo. acrecentado polas atribucións dos dous primeiros poemas, que non son culpa deles, senón as habituais, mais teño quen as negue.

Pois os dicires Ay mar brava, esquiva e mais Pois me vou sen falimento (Dezir deste mensaxeiro) forman dúas das cinco partes de certo documento hispánico que hai na Biblioteca Nacional de París e que inicialmente catalogou un hispanista francés chamado Morel-Fatio (non moi distinto apelido do Lilas Pastia que insire a Carmen de Merimée/Bizet como de evidente resonancia española!). Seica foi el quen primeiro lles atribuíu esas autorías: para nada concorda con esas atribucións un meu caro amigo que asegura que estudou o tema.

Non é imposíbel que con ser madrileño, o cabaleiro Rui González de Clavijo trobase en galego imperfecto, que nel está o dicir Pois me vou sen falimento, mentres que a súa muller Mayor Arias pasa por ser autora do dicir Ay mar brava, esquiva, que en principio está en castelán con interpolacións en galego, mais que só cando se pasa a galego consegue algunha das súas medidas ou rimas.
http://atalaya.revues.org/index116.html

O caso é que o tal Clavijo dirixiu a segunda embaixada do rei Henrique III o doente a Tamerlán o conquistador, por 1402-1405 –cito aproximadamente—, atopando o tal tártaro en Samarcanda a punto de morrer. Así di o poema Dezir deste mensaxeiro, no que parece a despedida do embaixador. Só que o outro ten outro rótulo que conta Dezir de otro mensagero que el dicho Rey don Enrrique enbio otra vez al dicho Taborlan. Porque cabo do Tamerlán houbo dúas embaixadas, a de Clavijo foi a segunda, e o xefe da primeira, que debeu ser de 1401 ao 3 ou cousa tal, ese era galego, un rapaz novo, chamábase Pai Gómez de Soutomaior e non se lle coñece obra poética outra ningunha –a Clavijo tampouco—, mais era neto ou bisneto do almirante poeta Paio Gómez Chariño, de quen herdou o primeiro alcume que non apelido, o Pai Gómez, segundo o meu anónimo informante, que me suxire, ademais, que o apelido verdadeiro non se lería Chariño senón Cariño, igual que escribían barcho e lían barco...

Ademais aduce o meu mesmo informador que o tal Pai Gómez de Soutomaior morreu en 1454 e deixou un testamento moito máis poético do habitual no seu tempo e clase social.

De xeito que, para el, dentro da chamada escola galego-castelá ou decadencia final da lírica galego-portuguesa sobra o tal Clavijo e falta o seu Paio Gómez de Soutomaior, que debería ser o verdadeiro mensaxeiro do Pois me vou sen falimento. Non é pouco de importar que houbese un mensaxeiro e para o poema suposto da Mayor Arias fose outro mensaxeiro!

Sempre segundo o meu anónimo comunicante, a alegre, gratuíta atribución do dezir a Clavijo veuse mecánica, arbitrariamente aceptando por todo xénero de estudosos da nosa lírica medieval final, sen o menor espírito crítico, galegos incluídos.

Locus Amoenus, edición de Carlos Alvar e Jenaro Talens, Galaxia Gutenberg/Círculo de Lectores, 2009

domingo, 29 de março de 2009

Cara un integral das Cantigas



Hai quince anos, alguén acometeu o primeiro intento de gravar todas as Cantigas de Santa María con cadansúa música medieval, un traballo titánico que se vai demorando no tempo, mais non cesa.

Falo dunha persoa, un grupo musical con instrumentos medievais e unha firma gravadora propia, isto é, Eduardo Paniagua, o grupo Música antigua e o seu selo Pneuma. Talvez as súas versións non sexan das máis espontáneas nin espectaculares –as interpretacións das Cantigas son hoxe unha pléiade— mais, cando menos, teñen un carácter menos arabizante do que cabería agardar, xa que a outra especialidade de Música antigua é a música andalusí.

Desde 1994 levan gravados 24 CD –tres deles realmente álbums dobres— exclusivamente consagrados ás CSM. Non inclúo na suma outros que son refritos daqueles, mais gústame acrecentar aos 24 outros dous en que Eduardo Paniagua constaba como intérprete do grupo Atrium Musicae, dirixido por outro Paniagua, Gragorio, parente del.

Velaquí a súa relación:

grupo Atrium Musicae:
LP en 1968/ CD no 90: Colección de Música Antigua Española/1
LP en 1978/ CD no 96: Cantigas de Hita

grupo Música antigua:
1994: Cantigas de Toledo
1995: Cantigas de Castela e León / Remedios Curativos
1996: Vida de María (CD duplo)
1998: Cabaleiros / Cantigas de Sevilla (CD duplo) / Cantigas de Xerez / Cantigas de Italia / Cantigas de Francia
2000: Cantigas de Castela-A Mancha / Cantigas de Santa María del Puerto-1 / Cantigas da Virxe de Atocha (Cantigas de Madrid)
2001: Bestiario (Cantigas de Animais)
2002: Cantigas de Frauta e tambor / Cantigas de Extremadura
2004: O Camiño de Santiago nas CSM
2005: Cantigas de Viola de Roda
2006: Cantigas de Merlín e outras Cantigas Celtas (Cantigas de Bretaña)
2007: Cantigas de Valencia / Cantigas de Bizancio (CD duplo)
2008: Cantigas de Inglaterra / Cantigas de Catalunya (Abadía de Montserrat)
2009 (xaneiro): Cantigas de Alemaña / Cantigas de Burgos

Até hoxe paréceme que entre todos os CD que acabo de relacionar chegarían ao 60 por cento –tres quintos—do corpus integral das Cantigas marianas.

Agardo con impaciencia a que o proxecto vaia achegándose ao seu coroamento. Mentres o agardo, escoito cantigas con moita frecuencia: son a miña porta aberta a un mundo desaparecido. Con certeza, un mundo moi diferente do noso. Mais non en canto á lingua.

sábado, 28 de fevereiro de 2009

As marabillas das Cantigas

As Cantigas de Santa María, os seus catro códices --para min verdadeiramente tres, mais un deses en dúas partes--, son unha marabilla descritiva da civilización do século XIII: sen dúbida, a súa mellor enciclopedia.

Catrocentas vinte (420) composicións. E segundo o meu cálculo 414, catrocentas catorce delas, con melodía desde o seu tempo.

Hai alguén que pretende gravarnos o integral desas músicas medievais.

Veremos.

domingo, 18 de janeiro de 2009

O escritor proletario, Manoel Riveiro Loureiro

Acaba de marchar Manoel Riveiro Loureiro do noso mundo. Iría a outro mellor.

Sen a menor das dúbidas, o Manoel Riveiro Loureiro era o máis proletario dos escritores galegos. Calquera que sexa o sentido que lle queira dar á palabra proletario ese dignísimo e moi roxo mundo dos creadores literarios galegos. Moi dignos funcionarios e profesores. De instituto e de universidade.

Manoel Riveiro foi sempre o noso escritor proletario. E sempre será.

Traballador. Moita obra. Sempre a pensar nos mesmos. Sempre o mesmos. Inzada obra sempre nesa óptica. Talvez incorrecta, se cadra pouco conveniente, non sempre elegante nin coa estética prevista. Extensa obra, intensa, frecuentemente boa, sistematicamente sincera.

O noso proleta, sen discusión. Sen estudos, sen padriños, sen nunca procurar un mecenas. O autodidacta. O pro-soviético. Xa que logo, o frustrado. Púxoo o director de Xerais, "a cordialidade e lealtade que mantivo comigo, a pesar de que nunca lle publiquei ningunha obra. Un home dunha peza."

Manoel, querido amigo. No virar da Historia, cantamos xuntos. Contigo canto.